
RESULTADOS DOS EQUIPOS DO GRUPO FORMA-t VILALBA F.S.
Dúas grandes victorias dos equipos masculino e feminino e dúas derrotas do filial e do xuvenil masculino foi o balance dos equipos do Grupo Forma-t Vilalba F.S. na primeira xornada de competición.
O equipo masculino de 2ª División B no seu debut na categoría venceu por 1-3 ao Sala Ourense. Nunha boa primeira metade os pupilos de Quini xa vencían por 0-2. Na segunda metade igualouse máis o encontro e non sentenciaron ata faltando dous minutos para a conclusión. O gol da honra local foi acadado a falta de catro segundos. Os goles do Grupo Forma-t Vilalba F.S. foron obra de Antón, Fede e Ismael. O vindeiro sábado ás 18 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba haberá derbi ante o C.D. Lugo Sala.
Na primeira xornada de Preferente Galicia o equipo feminino estreouse vencendo por 4-2 ao sempre complicado equipo de Terra de Celanova F.S. nun partido moi disputado no que as vilalbesas enviaron catro balóns á madeira. Marcaron Aroa por partida dobre, Marta e Antía.
Peor sorte tivo o equipo masculino de Preferente Galicia que nun partido igualado pero condicionado pola mala actuación arbitral perdeu 2-3 ante o I.M. Galical Rábade F.S. Os autores dos goles foron Íker e Nuno.
O equipo xuvenil masculino encaixou unha goleada na pista do Concello de Begonte F.S. (7-2) nun mal partido. Os dous goles marcounos Michael.