O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. COMEZA CON VICTORIA O PLAY OFF DE ASCENSO A 2ª DIVISIÓN RFEF

O equipo masculino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. venceu por 7-4 ao Caja Rural Atlético Benavente F.S. no partido de ida da primeira eliminatoria de ascenso a 2ª División RFEF celebrado o sábado no Pavillón Municipal de Vilalba ante máis de seiscentos seareiros que disfrutaron dun gran espectáculo ofrecido polos dous equipos.

Como era de esperar o partido non defraudou e tivo de todo, numerosas ocasións, goles, dobres penaltis, expulsións e moita emoción. O equipo de Kini saiu moi ben nos primeiros compases de partido pero non foi que de abrir o marcador e esto foi aproveitado polo equipo visitante para marcar dous goles nas primeiras aproximacións. Incluso tivo o terceiro nunha fase do partido na que os vilalbeses non estaban cómodos. Pero unha afición entregada ao seu equipo levou aos de Kini a acadar o empate antes do descanso cun gol de falta de Adri e outro de Kevin Chis. Neste acto os dous equipos tamén dispuxeron dun dobre penalti que non foron quen de marcar.

Na segunda metade saíron mellor os vilalbeses e puxéronse por diante no marcador cun gol de Dieguito. O Benavente cargouse de faltas e quedou cun home menos por expulsión do seu porteiro xogador. Cando todo se poñía de cara para os intereses dos de Kini encaixaron o empate nunha acción de contraataque cando estaban en superioridade. Pronto se volvería a desnivelar o marcador xa que Adri non errou no segundo dobre penalti a favor. A partir de esa situación o equipo visitante apostou por xogar co porteiro xogador e deso aproveitaríase Adri para roubar un balón e marcar o quinto tanto desde a súa área. Tivo o sexto noutro golpeo similar pero o balón estrelouse no largueiro. O que non fallou foi Kevin Chis que acadou o sexto e poñía terra de por medio con tres goles de vantaxe. Tiveron os vilalbeses opcións de aumentar a vantaxe pero os disparos ían aos postes. A falta de menos de medio minuto nun disparo de lonxe o equipo zamorano reducía diferencias no marcador cun “gol pantasma”, pero nunha acción de estratexia dos de Kini, o capitán Ismael facía o sétimo e devolvía os tres goles de vantaxe a falta de tres segundos para rematar o encontro.

O vindeiro domingo ás 13:30 horas no Pavillón Municipal  “La Rosaleda” de Benavente terá lugar o partido de volta no que o equipo vilalbés tentará de manter a vantaxe acadada no primeiro partido e pasar á segunda eliminatoria do play off de ascenso á categoría de prata do fútbol sala nacional.