O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. ELIMINADO POLO VULCANIZADOS RUIZ TAFA F.S.
O equipo masculino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. quedou eliminado na segunda eliminatoria do play off de ascenso a Segunda División ao perder 3-2 co Vulcanizados Ruíz Tafa F.S. campión do grupo II de Segunda División “B”. O partido celebrouse na “Laboral” que presentaba un abarrote total con presenza de seareiros vilalbeses.
O equipo de Kini, que chegaba mermado pola baixas, púxose por diante no marcador cun gol en propia porta dos locais pero antes do descanso o Tafa F.S. deulle a volta ao marcador. No comezo da segunda parte Antón nun córner ensaiado igualaba a contenda pero acto seguido os locais volvían a adiantarse establecendo o resultado definitivo. Os vilalbeses intentaron nos derradeiros minutos forzar a prórroga co porteiro xogador pero non atoparon o gol e quedan fora da loita polo ascenso despois dunha eliminatoria moi intensa, igualada e con moita deportividade. Nada se lle pode reprochar ao equipo de Kini que pon fin á mellor tempada da historia.
A directiva do Grupo Forma-t Vilalba F.S. quere agradecer o exquisito trato recibido en Tafalla por todo o club local e os seus seareiros e deséxalle sorte para a derradeira eliminatoria.


























