O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. A UN PASO DA GLORIA
O equipo feminino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. venceu 5-3 ao PH-Quirogel AE Penya Esplugues no partido de ida da final polo ascenso a Primeira División nun ateigado Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba na tarde do sábado.
O equipo catalán saiu mellor ao partido e dispuxo nos primeiros minutos de boas ocasións para adiantarse pero foi Lara Balseiro a que abriu o marcador cun zapatazo pola escadra. A partir do gol local as visitantes demostraron porque foron campioas do seu grupo e déronlle a volta ao marcador antes do descanso. Na segunda metade o partido igualouse no xogo e Marta Hermo acadou o empate nos primeiros compases pero acto seguido o Penya Esplugues voltaba a poñerse por diante. Mediada a segunda parte nun saque de Albita, incomensurable en todo o partido, unha defensa introducía o balón na súa meta e volvían as táboas ao marcador. O equipo catalán acusou o mazazo e as vilalbesas primeiro cun golazo desde a súa portería de Albita e despois nunha contra finalizada pola capitana Antía fixeron vibrar a afección vilalbesa.
No partido de volta que se celebrará o sábado ás 17:00 horas no CDM “Las Moreras” de Esplugues de Llobregat as de Kini e Miloso tentarán de manter a vantaxe conseguida no partido de ida e seguir facendo historia no deporte vilalbés.


























