O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. ENTRE OS CATRO MELLORES

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. eliminou ao Burela F.S. no partido de cuartos de final da XXXIV Copa Galicia disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Vilalba e xogará por segunda vez a semifinal da Copa Galicia. Antes do comezo do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento da nai de “Manel”, delegado do Grupo Forma-t Vilalba F.S.

Partido moi completo do equipo de Muri que repartiu minutos entre todos os xogadores dispoñibles. O encontro non comezou ben para os vilalbeses xa que aos 12 segundos xa se adiantou o equipo da mariña ao transformar Pitero unha pena máxima. A pesar de non levar o control do xogo o equipo de Muri deulle a volta ao marcador antes do descanso cun gol do xuvenil Javi Regueiro e de Izan en propia porta. O Burela F.S. dispuxo de boas ocasións que unas veces acabaron dando na madeira e outras foron desbaratadas pola boa defensa dos vilalbeses e de Tini que non puido parar un disparo de falta de Izan mediada a segunda parte que estableceu o empate a dous goles. O equipo do Burela intentouno co porteiro xogador nos derradeiros minutos pero o resultado xa non se moveu.

Na tanda de penaltis Tini converteuse no héroe atallando tres penas máximas e marcando o gol do pase a semifinais. Todo o plantel vilalbés adicoulle a victoria ao delegado “Manel”.

A semifinal, tamén no Pavillón Municipal de Vilalba, será contra o actual campión, o Portus Apostoli Noia F.S. de Primeira División, verdugo na pasada edición do equipo vilalbés nos cuartos de final. Mentres tanto o equipo de Muri xa pensa no partido de liga da vindeira fin de semana en terras salmantinas para enfrontarse ao cuarto clasificado o F.S. Salamanca.

EMPARELLAMENTOS DE SEMIFINAIS – XXXIV COPA GALICIA

ADC Lugo Sala (2ªB) – O Parrulo Ferrol F.S. (2ª)

 Grupo Forma-t Vilalba F.S. (2ªB) – Noia Portus Apóstoli (1ª)