O VILALBA F.S. TEN NOVA DIRECTIVA

Tras a renuncia da directiva encabezada por Álvaro Fraga, e despois de varios anos de crecemento e consolidación do clube baixo o seu liderado, o Vilalba F.S. celebrou a asemblea extraordinaria na que foi elexida por unanimidade a única candidatura presentada.

A nova directiva está composta por Julio Guntín como presidente, Kini Martínez como secretario, César Quijada como tesoureiro e Antonio Teijeiro como vogal.

O obxetivo é continuar coa gran labor realizada pola directiva saínte comandada por Álvaro Fraga, unha etapa na que o clube experimentou un importante crecemento tanto a nivel deportivo como estrutural. Durante o seu mandato creouse a sección feminina, levando ao primeiro equipo ás portas da Primeira División, ao tempo que o equipo senior masculino acadou o ascenso á Segunda División “B”, consolidando ao Vilalba F.S. como unha referencia do fútbol sala galego.

A nova directiva xa se puxo a traballar pensando na vindeira tempada. Un dos asuntos que marcarán a planificación deportiva da próxima campaña é a configuración definitiva das categorías nacionais. Todo apunta a que o equipo senior masculino continuará competindo na categoría de bronce do fútbol sala nacional, ao ser o equipo con mellor coeficiente entre os candidatos a ocupar as posible vacantes que se poidan producir e tamén á espera da resolución do recurso que o clube ten presentado ante o TAD.

Tamén mantiveron unha reunión coa alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de deportes Paula Vigo, para solicitarlles a incorporación ao clube dalgún equipo máis da base e para trasladarlle os problemas que se producen durante a tempada no Pavillón Municipal de Deportes, especialmente as goteiras e condensación, entre outros asuntos de interese para a entidade.

A nova directiva quere agradecer expresamente o traballo realizado por Álvaro Fraga e por todas as persoas que o acompañaron nesta etapa, entre eles Manuel López, José Antonio Rey (Lexos), Álvaro Vázquez e o propio Julio Guntín, xa que o seu esforzo e adicación altruista durante todos estes anos permitiron ao Vilalba F.S. experimentar un notable crecemento deportivo e estrutural para afrontar con garantías os retos de futuro.