¡¡¡ CAMPIOAS !!!
Dezaoito de maio de dous mil vintecatro, 19:45 horas, Pavillón Municipal dos Deportes de Vilalba, máis de setecent@s siareir@s berran ¡tres, dous, un…FINAAAL! O equipo feminino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. fai historia no deporte vilalbés e cunha merecida victoria ante o Ribeira F.S. Lieders (cuarto clasificado) por 3-0 coroase campión da Preferente Galicia e ascende á categoría de prata do fútbol sala nacional.
Foron 30 partidos oficiais, 26 victorias, 3 empates e unha única derrota, 81 puntos, 170 goles a favor (equipo máximo goleador con tres xogadoras entre as seis máis realizadoras da categoría) e 46 en contra (segundo equipo menos goleado), cunha segunda volta de ensoño facendo un pleno de puntos son os datos máis salientables dunha tempada que pasará á historia.
De novo o “Pavillón Municipal” vilalbés quedouse pequeno para a ocasión, sen asentos libres, e coa afección local vibrando co seu equipo.
O partido púxose moi de cara para o Grupo Forma-t Vilalba F.S. dende o minuto dous, cando Noe Pires conseguiu o primeiro gol cun disparo lonxano provocando o delirio dunha afección que viña animada e sabedora que gañando o partido non había que mirar cara a Dumbría para saber o que facía o Fisober F.S. no seu partido xa que ao ter as vilalbesas gañado o golaveraxe, dependían de sí mesmas.
Non todo foi sobre rodas xa que mediada a primeira metade, a capitana Antía Leal – pichichi da categoría con 43 goles – caía lesionada e tiña que abandoar o partido, (agardamos que non sexa moi grave).
As xogadoras de Kini non se viñeron abaixo e rematando o primeiro tempo nunha boa xogada colectiva, Elvi poñía o 2-0 deixando á animada grada un pouco máis tranquila para o segundo acto.
Na segunda parte as vilalbesas realizaron unha moi boa defensa, loitando todos os balóns e maniataron a unhas rivais que aínda que non se xogaban nada demostraron que nin viñan de paseo nin á festa vilalbesa. Cun xogo de control, mediada a segunda metade, noutra boa xogada Fanni marcaba o terceiro deixando o partido sentenciado e agardando que pasaron os minutos para empezar a celebración.
Despois veu a entrega da Copa de Campioas de liga por parte dos responsables da RFGF (Pablo Prieto e Carlos Méndez), e comezou a festa coas verbas de agradecemento de Joaquín Martínez Fernández “Kini” artífice do ascenso co seu corpo técnico e xogadoras á segunda categoría do fútbol sala nacional, corte de pelo incluído dalgún directivo, pasarrúas polas principais arterias da localidade na “Kinineta” para continuar coa festa rachada ata altas horas da madrugada.
Ao día seguinte seguiu a festa, primeiro cunha merecida recepción no Concello de Vilalba onde interviñeron e intercambiaron agasallos a alcaldesa Marta Rouco, o presidente Alvaro Fraga e a capitana Antía Leal para posteriormente saudar dende o balcón do consistorio vilalbés a todos os presentes. Finalmente houbo sesión vermú na Praza da Constitución e unha comida para rematar a xornada.
Agora agarda a 2ª DIVISIÓN FÚTBOL SALA
¡¡¡Parabéns CAMPIOAS!!!
FICHA TÉCNICA
RIBEIRA F.S. – LIEDERS
Violeta, Carmen, Noelia, Mariña, Antía – cinco inicial – Lucía, Carla, Paula, Helena, Paula e Aldara.
GRUPO FORMA-T VILALBA F.S.
Ainara, Antía, Pasto, Noe Pires, Elvi – cinco inicial – Paulita, Nerea, Fanni, Carmela, Carla, Marta e Jenni.
ÁRBITROS: Yago Seijas Piñeiro e Iván Seijas Piñeiro
GOLES:
1-0 Noe Pires. (Min. 2)
2-0 Elvi. (Min. 17)
3-0 Fanni. (Min. 32)
#vilalbaquerefutsal