COMEZA A LIGA PARA OS EQUIPOS DO GRUPO FORMA-t VILALBA F.S.

Esta fin de semana tres equipos masculinos e un feminino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. comezan as competicións da tempada 23/24.

O equipo masculino de 2ª División “B” comeza a competición no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba cun derbi ante o potente filial do Parrulo Ferrol. O equipo de Quini mantén o bloque da pasada tempada e soamente realizou unha incorporación, Kevin Chis que precisamente estivo no primeiro equipo ferrolán nas catro últimas tempadas sendo un dos capitáns e referente ofensivo destacando polos seus goles en 1ª e 2ª División.

O filial masculino debuta o domingo na Terceira División despois de dous ascensos consecutivos. Debutará como visitante no “Agustín Mourís” ante o difícil filial do Noia Portus Apóstoli único representante galego na 1ª División. O equipo de Ismael tamén continúa coa base de xogadores da casa e incorporou a Christian Prado e a Pablito Villar.

O equipo feminino de Preferente Galicia tamén ten unha saída complicada á pista do Atlético Arnoia F.S. As de Quini tentarán como é de costume realizar unha boa tempada e loitar polos postos altos da clasificación. Como o resto de equipos do Grupo Forma-t Vilalba F.S. mantén a base do ano anterior incorporando ademáis a Tati, Andrea, Elvi e Noe Pires.

Finalmente o equipo xuvenil de Liga Galega visita ao Concello de Begonte F.S. no primeiro derbi comarcal. O equipo adestrado por Nuninho ten máis cambios no plantel debido a que hai xogadores que acaban a idade xuvenil pasando ao filial e outros veñen de categoría cadete polo que necesitarán un período de adaptación.