COMEZA A PRETEMPADA PARA O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S.
O primeiro equipo feminino e masculino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. comenzaron a pretempada 26/27.
Antes do inicio dos adestramentos no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba tivo lugar o acto de presentación no que asistiron ademáis das xogadoras e xogadores, corpos técnicos, directiva a alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta Rouco e o representante do Partido Popular e anterior presidente do clube, Álvaro Fraga.
No acto de presentación, o presidente Julio Guntín, deu a benvida ás novas incorporacións e agradeceulles que apostaran polo proxecto do Vilalba F.S. ao igual que ao resto de xogadoras e xogadores que continúan un ano máis. Tamén destacou a boa sintonía que hai entre o Vilalba F.S e o concello desde que está a alcaldesa Marta Rouco pero tamén lle recordou as deficiencias da instalación deportiva e que o mellor clube, o cal leva o nome de Vilalba por toda España, ten que ter as mellores axudas económicas. A Álvaro Fraga agradeceulle a excelente labor como presidente dos últimos 11 anos levando ao equipo masculino á Segunda División “B” e á creación da sección feminina levando ao primeiro equipo á Segunda División. Para rematar a súa intervención tivo unhas verbas para os medios de comunicación locais e provinciais, aínda que non estaban presentes, para que den a cobertura que se merece ao Grupo Forma-t Vilalba F.S. referente no futbol sala a nivel nacional.
A rexedora quixo agradecer o traballo e o compromiso de todas as persoas que forman parte do club e desexarlles os maiores éxitos nesta nova etapa que agora comeza, poñendo en valor o esforzo diario dun club que fai que Vilalba sexa unha referencia no fútbol sala e que, ademáis, permite que os menos e nenas da vila teñan referentes deportivos e exemplos de compromiso, constancia e ilusión.
Finalmente, antes da foto de familia, o director deportivo “Kini Martínez” pediu traballo, esforzo, humildade e compañeirismo ademáis do agradecemento a todas as persoas que traballan diariamente no Vilalba F.S.


