CRUEL FINAL PARA O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S.

Un gol a falta de 13 segundos para a finalización da prórroga do partido de volta da final polo ascenso a Primeira División deixou ao equipo feminino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. sin un merecido premio ao perder 4-2 ante o PH-Quirogel AE Penya Esplugues. O partido celebrouse no CDM “Las Moreras” de Esplugues de Llobregat con presencia de medio centenar de siareiros vilalbeses e cun gran comportamento entre as dúas afeccións.

O equipo vilalbés que se adiantou no marcador cun gran gol de Noe Pires e apenas sufriu no primeiro acto tivo o control do xogo administrando a renta de dous goles do partido de ida pero nunha mala saída de balón encaixou o empate antes do descanso. Na segunda metade o partido cambio radicalmente e o equipo catalán foi a pola victoria sabedor da superioridade física debido ás numerosas baixas coas que contaba o equipo chairego. A dez minutos para a finalización do encontro o Penya Esplugues tiña a eliminatoria igualada cun 3-1 a favor e con ese resultado chegouse á prórroga co equipo de Kini e Miloso sufrindo moito por mor das baixas. Na primeira metade apenas houbo ocasións pero no comezo da segunda parte, nunha xogada de estratexia con porteira xogadora, Paula Rodríguez adiantaba ao Grupo Forma-t Vilalba F.S. e facía soñar a afección vilalbesa cun histórico ascenso. Nese intre con 02:47 para a finalización as catalanas sacaron o xogo de cinco e tiveron un par de ocasións ao igual que Albita que o intentou desde a súa portería sin o éxito da semana pasada. A falta de 13 segundos, nun rechace, o Penya Esplugues marcaba o cuarto gol que empataba a eliminatoria e deixaba sen tempo para reaccionar ás vilalbesas que vían como se esfumaba o soño do ascenso.

O empate na eliminatoria a sete goles deu o ascenso ao Penya Esplugues xa que quedou campión do grupo 2 e o Grupo Forma-t Vilalba F.S. rematou segundo clasificado do grupo 1.

Este cruel desenlace final non empaña a excepcional tempada do equipo de Kini e Miloso que ascendeu de categoría o ano pasado e sobráronlle 13 segundos para o ascenso á Primeira División.

Parabéns!!!