EMPATE DO GRUPO FORMA-T VILALBA F.S. NO PARTIDO ADIADO CONTRA O STELLAE F.S. VALGA

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. empatou 3-3 ante o Stellae F.S. Valga na reanudación do partido adiado no mes de decembro pola condensación no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba. Comezaron os dous minutos restantes do primeiro acto con moita intensidade e a pesar de dispoñer Kevin Chis dunha ocasión que foi á madeira chegouse ao descanso co empate a dous goles. O equipo de Quini adiantouse no comezo da segunda parte pero acto seguido empatou o equipo visitante. Aínda que houbo ocasións para os dous equipos e o partido puido caer para calquera o marcador xa non se moveu. Marcaron para os vilalbeses Keita, Fari e Antón. Con este resultado, o primeiro empate na casa da tempada, o equipo vilalbés segue na quinta posición da clasificación a seis puntos da fase de ascenso.

O sábado rematará a primeira volta do campeonato ante o Caja Rural Atlético Benavente F.S. ás 19:00 horas no Pavillón “La Rosaleda” equipo que na tempada pasada militaba na Segunda División.