O GRUPO FORMA-t CLASIFICADO PARA O PLAY OFF DE ASCENSO A PRIMEIRA DIVISIÓN
O equipo feminino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. segue facendo historia e un ano depois de ascender a Segunda División acaba de clasificarse na penúltima xornada de liga para disputar o play off de ascenso á máxima categoría do fútbol sala nacional. Nos prolegómenos do encontro as xogadoras vilalbesas fixeron o pasillo ao equipo xuvenil masculino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. que gañou a liga de Primeira Futgal e que xogará polo ascenso a Preferente Futgal.
O equipo de Kini e Miloso necesitaba un punto para acadar a clasificación para xogar polo ascenso a Primeira División pero acabaron conseguindo os tres puntos coa victoria sobre El Gaitero Rodiles F.S. por 2-0 malia as numerosas baixas que acumulaba por lesión. Nun partido moi serio das xogadoras vilalbesas sobre todo defensivamente e cunha alta eficacia de cara a portería venceron ao equipo asturiano que chegaba líder e que de gañar conseguiría o título. Os goles das vilalbesas foron obra da capitana Antía, que volveu dunha grave lesión sen perder o olfato goleador, aproveitando un fallo da defensa rival para encarar á porteira e batila por baixo mediada a primeira parte e xa na segunda Lara Balseiro aproveitou unha boa contra para de forte disparo poñer o definitivo 2-0 no marcador. Incluso cunha xogadora menos nos últimos minutos, por expulsión de María, as vilalbesas mantiveron a portería a cero.
Na derradeira xornada de competición que será o vindeiro sábado, con horario unificado ás 16 horas, as vilalbesas viaxarán á pista do Raio Majadahonda F.S. e en función dos resultados dos catro primeiros, saberán en que posición rematan a competición e o rival no play off de ascenso. Agora están situadas na terceira posición con 61 puntos, un máis que o Valdetires Ferrol F.S., un menos que o Bembrive F.S. e dous menos que El Gaitero Rodiles F.S. que encabeza a clasificación.


























