O GRUPO FORMA-T VILALBA F.S. CAE NAS SEMIFINAIS DA XXXII COPA GALICIA ANTE O PARRULO FERROL F.S.

O Grupo Forma-t Vilalba F.S. caeu por 1-6 ante O Parrulo Ferrol F.S. no partido de semifinais da XXXII Copa Galicia de Fútbol Sala celebrado no Pavillón Municipal de Vilalba ante oitocentos espectadores.

Os comezos de partido foron ilusionantes para o equipo de Quini que pese a encaixar o primeiro gol repúxose e foi quen de empatar mediada a primeira parte cun golazo de Fari. Nos minutos anteriores ao descanso e tras o segundo gol do equipo ferrolán nunha xogada desgraciada dos vilalbeses o partido rompeuse e o equipo de maior categoría demostrou a súa superioridade a nivel físico e de pegada.

O resultado non empaña a gran traxectoria dos de Quini nesta edición da Copa Galicia sendo a mellor participación na historia do equipo vilalbés que foi recoñecida polos siareiros cunha gran ovación final.

O equipo ferrolán xogará a gran final ante o actual campión do torneo o Noia Portus Apóstoli F.S. que venceu ao Stellae F.S.-Valga por 0-2.