O GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. EMPATA CO VULCANIZADOS RUIZ TAFA F.S.

O equipo masculino do Grupo Forma-t Vilalba F.S. empatou 2-2 co Vulcanizados Ruíz Tafa F.S. no partido de ida da segunda eliminatoria de ascenso a 2ª División RFEF celebrado o sábado no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba ante máis de seiscentos seareiros.

O equipo de Kini, terceiro na fase regular do grupo I enfrontábase ao equipo navarro que quedou campión do grupo II e resultou ser un rival moi complicado.

Nun partido moi igualado, adiantáronse os de Tafalla por dúas veces no marcador despois do descanso pero os vilalbeses foron quen de empatar con goles do capitán Ismael e Dieguito para deixar aberta a eliminatoria.

O partido de volta disputarase no Pavillón “La Laboral” de Tafalla o vindeiro sábado ás 19:00 horas e ao equipo de Kini soamente lle serve a victoria para pasar á derradeira eliminatoria de ascenso á categoría de prata do fútbol sala nacional.