O GRUPO FORMA-T VILALBA F.S. ENTRE OS CATRO MELLORES
O Grupo Forma-t Vilalba F.S. venceu por 2-1 ao ADC Lugo Sala no partido de cuartos de final da XXXII Copa Galicia disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Vilalba onte pola tarde e xogará por primeira vez unha semifinal da Copa Galicia.
Como se agardaba o partido foi moi igualado e cunha gran entrada no “Municipal” vilalbés que rozou o cheo cun ambiente espectacular. Nos primeiros compases de partido o equipo de Quini saiu moi forte e Fari cun gran disparo desde fora da área abriu o marcador. Mediada a primeira parte o Lugo Sala acadaba o empate por mediación de Álex Diz nunha boa xogada. Houbo ocasións para os dous equipos pero os porteiros estiveron atinados e con ese resultado chegouse ao descanso. Na segunda parte o partido seguiu con ocasións para os dous equipos e a falta de 8 minutos para o final Kevin Chis transformou un penalti que sería definitivo aínda que o equipo da capital lucense o intentara con xogo de cinco e tivera un dobre penalti para lograr a igualada que se encargou de parar o porteiro vilalbés, Tini.
A semifinal será contra O Parrulo Ferrol F.S. de Segunda División tamén no Pavillón Municipal de Vilalba. Mentras tanto o equipo de Quini xa pensa no partido liga desta fin de semana no desprazamento a terras asturianas para medirse ao Rácing de Mieres.
EMPARELLAMENTOS DE SEMIFINAIS – XXXII COPA GALICIA
Stellae F.S. Valga (2ªB) – Noia Portus Apóstoli (1ª)
Grupo Forma-t Vilalba F.S. (2ªB) – O Parrulo Ferrol F.S.(2ª)