RESULTADOS DOS EQUIPOS DO GRUPO FORMA-t VILALBA F.S. 22 e 23 outubro

Tres grandes victorias e un empate foi o balance dos equipos do Grupo Forma-t Vilalba F.S. nesta fin de semana.

O equipo masculino de 2ª División B no derbi de proximidade goleou 3-9 a O Esteo F.S. O equipo de Quini pasou por As Pontes como unha apisonadora e barreu da pista ao equipo local que nada puido facer ante o gran xogo desplegado polos vilalbeses que mediada a segunda parte xa vencían por un contundente 0-7 para o disfrute dos moitos siareiros desprazados desde Vilalba. Nos derradeiros minutos deixáronse ir e o equipo local aproveitou para maquillar o resultado. Os goles do Grupo Forma-t Vilalba F.S. foron obra de Fari en tres ocasións, Antón, Fede, Quintela, Keita, Aitor e Ismael. O próximo partido será o vindeiro sábado ás 19:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba ante o Universidad de Valladolid e os homes de Quini tentarán realizar outro bo partido ante os siareiros vilalbeses para continuar na segunda praza da clasificación.

Tamén o equipo feminino de Preferente Galicia goleou a domicilio 0-7 ao ADC Lugo Sala nun derbi provincial dominado de principio a fin para continuar tamén na segunda praza da clasificación. Marcaron Akira en tres ocasións, Aroa por partida dobre, Antía e Paula. Para a vindeira semana terán un partido moi complicado ante o Fisober F.S. que é o terceiro clasificado cos mesmos puntos que o equipo vilalbés. O partido será o vindeiro domingo ás 19:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Vilalba.

O equipo masculino de Preferente Galicia acadou un empate a dous goles na pista do S.D.C. y R. Narón O Freixo. Os autores dos goles foron Christian e Iker.

O filial feminino venceu 3-1 ao C.D. Praias de Barreiros. O equipo adestrado por Ledín realizou un gran encontro e foi superior durante todo o partido. Marcaron Jenni en dúas ocasións e Carla.

Nesta xornada todos os equipos que puideron xogaron coa segunda equipación, lucindo a camiseta branca e rosa en apoio de todas as persoas afectadas polo cancro de mama.